Devora as túas limitacións!

March 4th, 2010

Nunha situación dada o teu campo de acción está determinado
por unhas restricións contextuais específicas. É moi doado
que estas restricións sexan producidas historicamente, servindo
uns intereses determinados. Como alguén que traballa co
ruído e a improvisación e que grava discos a miúdo (moitas
veces colectivamente) atópome pensando en cales son as
limitacións conceptuais e ideolóxicas na gravación de discos.
Isto non se pode respostar sen tratar o tema da propiedade
intelectual e o que isto implica: a autoría, unha delimitación
clara do que é a obra e do que non o é, e a separación entre
produtor e consumidor.

A propiedade intelectual medrou de man do capitalismo
como unha maneira de mercantilizar o intanxible, o indefinible,
o elusivo… como unha maneira de domar a cultura para
limitala, estabilizala e ser capaz de darlle un valor.
Calquera clasificación ou categorización funciona como
maneira de acadar dominio e control social. Mais cando
penso na improvisación penso nela como liquidez elusiva,
na xerga de Duchamp e Bergson, como algo referido ás
“pasaxes” máis que ás “paradas”.

Nun concerto de música improvisada, un produce un son
sen saber o que os outros farán con el. Por suposto, un é
consciente de con quen está a tocar mais basicamente
está aberto a todo. Por que debería ser distinto cando
grava un disco?

Alguén mencionou a palabra plaxio mais isto non é máis
ca unha falacia capitalista.
Como dixo o conde de Lautréamont, o plaxio é necesario.
Onde queira que unha persoa toma algo e úsao noutro
contexto, isto conleva sempre un certo nivel de creatividade.
Non quero establecer xerarquías entre distintos niveis
de creatividade. Non inventei nada. Todo o que fixen foi
coller algo doutro lado, e pensar nisto como roubo é
aplicar a lóxica da policía, que é basicamente o que fai
a noción de autoría.

O ruído é o ollo do cu da cultura onde todo é posible,
trátase da falla de respecto, non so ás anteriores
formas de facer música, senón tamén da falla
de respecto ao contexto co que estás a traballar
e as diferentes formas nas que este contexto
pode tratar de normalizar ou domar o potencial
desta práctica e a túa propia creatividade.

Mattin

Anti-copyright

Texto orixinal en inglés aquí.

February 17th, 2010

“Transformar o proceso de creación da música nunha actividade colaborativa e transformadora (intérprete en compositor en oínte en compositor en intérprete, etc.), o carácter cooperativo da actividade xusto na fonte da música. Facer xurdir, a través da produción da música, a conciencia das condicións sociais nas que vivimos e cómo éstas poden cambiarse.”

Christian Wolff

doceporcinco

February 17th, 2010


O próximo sábado día 20 no Ateneo Ferrolán doce artistas farán unha exposición sobre o seu traballo de 5 minutos de duración. O número doce e un (toca ao principio e ao final) será o barcelonés Carlos Villena, fundador do selo Mantricum Records.

Máis información nas novas da páxina web de alg-a.

Silencio Oso e Mullet no Vagalume

February 13th, 2010

O próximo día 20 de febreiro tocarán no CS Vagalume de Lugo (Rúa Nóreas 5) Silencio Oso e Mullet. Non me vou desfacer en adxectivos, porque son todos amigos meus e non podo ser imparcial; e por riba gravei a uns e estou pendente de gravar aos outros. Pero é máis que recomendable que vos acheguedes por alí se tedes a oportunidade, para disfrutar dunha sesión de patafísica dura. Comezan ás 20h!!

Concerto con Ryu Hankil e Miguel Prado

February 7th, 2010

O próximo sábado 13 de febreiro continúa o Festival SinSal extensión Fase na Fundación Luis Seoane cun concerto no que tocaremos Ryu Hankil (Corea do Sur), Miguel Prado e máis eu. Será o primeiro concerto de Ryu en España e o primeiro do festival deste ano. Comezará ás 21.30 e a entrada será libre.

Ademais, o día 21 teremos a John Tilbury tocando no segundo concerto da programación de febreiro. Para máis información, consulta a páxina da AC Fase.

(solo set III)

January 22nd, 2010

Se non me lembro mal (tampouco busquei nos arquivos), aínda non mencionei aquí que ademais deste blog hai unha páxina web pendurando de joseghast.org. En principio isto queda para comentarios variados e ás veces sen moita mesura, pero na páxina vou poñendo novas sobre algún concerto que outro que se vai tocando e outras cousas.

Ademais de servir como fonte de información, tamén serve como plataforma do netlabel Ecto (ou como di o Sr. Lana, Recto) que montei máis por comodidade que por outra cousa: son eu só así que os debates son máis rápidos (estalinista de armario) e sae máis barato que os discos, pero non é tan molón.

Neste momento acaba de saír a segunda referencia de Ecto, que é (solo set III) do músico arxentino Federico Barabino. Pódese descargar dende a páxina do netlabel ou dende archive.org

Spectral Surgery

January 10th, 2010

O próximo día 15 de xaneiro na Coruña tocarán Spectral Surgery xunto a Carlos Villena, Mathrem e Joaquín Lana. Será na Casa das Atochas e de balde.

O día 16 de xaneiro repetirán os Spectral Surgery no sur de Galicia, na segunda xornada do festival rE10 no alg-lab.

Ruido e capitalismo en RNE

January 10th, 2010

A través do podcast do programa Ars Sonora está dispoñible a primeira parte do que o programa denomina como “radioperfomance del artista sonoro e improvisador Mattin, con Rubén
Gutiérrez del Castillo
(experto en música improvisada) y José Manuel
Costa
(director del programa de Radio Clásica/RNE “Vía límite”)” que parte do libro Ruido e Capitalismo (descargable dende a páxina de Mattin, de momento só en inglés).

Pódese descargar ou escoitar dende a páxina do podcast de Ars Sonora.

Ángel Faraldo en concerto

January 10th, 2010

Esta semana Ángel Faraldo, Timitiminono e ZLB; tocarán tres datas en Galicia: hoxe estarán no rE10, o martes 12 na Casa das Atochas da Coruña (3 €) e o mércores 13 no Ateneo Ferrolán (3 €).

rE10

January 8th, 2010

Os próximos días 10 (a partires das 19 h) e 16 de xaneiro (a partires das 18 h) celebraráse no Alg-a lab (Valadares, Vigo) o Festival post-nadal rE10 con actividades que van dende o vídeo ata o happening, pasando por suposto polos concertos.

Máis información na páxina web de alg-a.

  • Meta